Hoxe celebrouse o Día de Galicia, unha data que naceu como xornada de exaltación patriótica o 25 de xullo de 1920 promovida polas Irmandades da Fala. A Nosa Terra no número do 15 de xullo de 1920 anunciaba a celebración nun artigo de Bernardino Varela no que di: "O día de Galicia non ten de sere un día de xolda, rexouba e trangallada; non pode sere unha festa de gaita e foguetes: non ten de se facere unha xuntanza pra decire catro cousas hocas, valeiras, "cursis". Nada de lembrarse da Patria gallega para chamarlle: bonita, feiticeira, pobre; non. Ten de sere un día que en todo-los fogares, en toda-las terras alleas, en todo-los currunchos do praneta onde haxa un gallego, teña media hora pra facer meditación patriótica; ten de sere o día en que todos nós, fagamos unha confidencia espiritoal preguntándonos a nós mesmos: ¿de que se doe a miña Terra? ¿cales son as súas mágoas? ¿cal é a miña obriga? ¿por que fuxín a terra allea? Temos de saudar a Patria, temos que dar a vida por ela se preciso fora..." O 25 de xullo, A Nosa Terra nun editorial titulado Alborada comunica, entre outras cousas, que o boletín decenal celebra o Día de Galicia cumprindo un acordo da II Asamblea Nazonalista de Compostela e obedecendo as ordes do Directorio, que agardan que cos anos este día se celebre en todos os fogares de Galicia, pero que este ano, por ser a primeira vez, celébrase só "na Cruña, a capital da Nosa Terra".
Mais o Día de Galicia só se celebraría dous anos máis porque a chegada da Ditadura de Primo de Rivera no 1923 impediría calquera tipo de manifestacións de carácter nacionalista. No ano 1930 comezou a celebrarse de novo, aínda que, unha vez máis, será por pouco tempo: a guerra civil e a ditadura franquista farán que se suspenda outra vez, se ben se continuou celebrando entre as comunidades galegas do exilio. Finalmente, na década dos 60 do século XX, os nacionalistas galegos recuperaron a celebración co nome de Día da Patria Galega. No sucesivo, a falta de consenso no apelativo ocasionará que cada partido político pase a denominar este día cun nome diferente e que cada quen o celebre polo seu lado. Temos unha boa mostra nos xornais do día de hoxe, nos que tamén podemos comprobar como os "Día de..." se van desvirtuando co paso do tempo e a manipulación que se fai dos mesmos.